QUEM SOMOS?

NÓS, cidadás e cidadáns galegos, nais e pais, irmás e irmáns, compañeiras e compañeiros sentimentais, fillas e fillos e outros familiares, amigas e amigos dos presos e as presas políticas galegas, CONSCIENTES da súa situación de vulnerabilidade, decidimos CONSTITUÍRNOS en Asociación de Familiares e Amig@s d@s Pres@s Polític@s Galeg@s co nome de Que Voltem para a Casa!
Porque queremos que volvan para as súas casas, para a súa Terra, a carón dos seus seres queridos, persoas de distintas sensibilidades políticas conformamos unha asociación de carácter estritamente humanitario que nace coa finalidade de proporcionar solidariedade e apoio de todo tipo aos presos e presas políticas galegas e ás súas familias. Que Voltem para a Casa! é unha entidade de carácter apartidario e plenamente independente de calquera institución pública e de calquera organización política ou social, e que ten como únicos motivos fundacionais:

• Denunciar a situación de indefensión na que se atopan os presos e as presas políticas galegas.
• Denunciar a vulneración sistemática dos seus dereitos da que son obxecto.
• Denunciar a excepcionalidade e ilegalidade do seu tratamento xurídico e penal que viola a lexislación estatal e internacional en materia de dereitos humanos das persoas detidas e presas.
• Esixir o respecto escrupuloso de todos e cada un dos seus dereitos fundamentais.

Coñecedoras e coñecedores da situación xudicial e penal na que se atopan @s pres@s polític@s galeg@s, afastados da Galiza, e internados a centos de quilómetros do seu lugar de orixe, en nome dos sectores da sociedade galega sensibilizados a respecto desta problemática, DENUNCIAMOS:
1. O emprego sistemático da lexislación antiterrorista nos operativos policiais contra cidadáns e cidadás galegas, en especial a aplicación do réxime de incomunicación durante as detencións, xa que esta práctica vulnera dereitos, provoca indefensión e ampara episodios de malos tratos e torturas contra as persoas detidas. Lembramos, así mesmo, que este réxime de incomunicación foi duramente criticado pola Comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, O Tribunal de Dereitos Humanos da Unión Europea, o Comité Europeo de Prevención da Tortura e as organizacións non gubernamentais Human Right Watch e Amnistía Internacional.

2. A utilización desmedida e abusiva da prisión preventiva contras as persoas detidas na Galiza por causas políticas. Entendemos que esta medida excepcional viola o principio da presunción de inocencia e non ten outra finalidade que a de anticipar a pena ás persoas procesadas e presas por feitos nin probados nin xulgados.

3. O papel de tribunal de excepción que a Audiencia Nacional xoga no procesamento das persoas detidas por motivos políticos, dado que viola o principio constitucional de territorialidade, é dicir, o dereito ao procesamento por parte dun tribunal radicado no lugar onde sucederan os feitos de que estean acusad@s.

4. A dispersión penal d@s pres@s polític@s galeg@s en prisións españolas situadas a centos de quilómetros das súas moradas, o que implica a súa separación da realidade nacional, cultural e socio-afectiva da que proceden. Lembramos que esta medida excepcional que o Estado aplica aos pres@s polític@s galeg@s é contraria á Lei Orgánica Xeral Penal e contradise coa propia finalidade supostamente de reintegración social que a lexislación penal atribúe á prisión.

5. Consideramos que a dispersión que actualmente se lle aplica aos presos e pres@s politic@s galeg@s ten unha finalidade estritamente punitiva e de extensión do castigo ás familias e amigos das persoas presas, as cales asumen un enorme custe económico, emocional, de tempo e de saúde, poñendo en xogo as súas vidas polo risco acrecentado de accidentes na estrada.

6. O réxime penal pechado ao que están sometidos @s pres@s polític@s galeg@s e a súa cualificación en primeiro grao e FIES. A estes presos e presas aplícaselles esta cualificación de maneira automática, subxectiva, colectiva e indiscriminada e sen razoamento xurídico, o que supón unha aberrante ilegalidade e violación dos seus dereitos fundamentais. Ademais, trátase dun réxime penal inhumano, arbitrario e declarado ilegal polos propios tribunais españois e que ampara a violencia continuada contra as persoas presas.

7. As condicións de vidas nas prisións e o tratamento arbitrario de que foron obxecto en máis
dunha ocasión e que se manifesta na recepción arbitraria da correspondencia e obxectos, o réxime de illamento e incomunicación, agresións físicas e verbais, humillacións ás familias, maltrato psicolóxico, privacións, desatención sanitaria, alimentación deficiente, mínimas posibilidades de formación e lecer, comunicacións intervidas e limitadas, visitas limitadas e arbitrariedades de todo tipo no réxime de visitas e comunicacións.

Para garantir o respecto integral dos dereitos fundamentais dos presos e as presas políticas galegas,ESIXIMOS:
1. A derrogación da lexislación antiterrorista que provoca o desamparo xudicial e a indefensión das persoas detidas.
2. A posta en marcha de todos aqueles mecanismos xurisdicionais e protocolos que garantan a integridade física e psicolóxica das persoas durante as detencións.
3. A derrogación da xurisdición excepcional da Audiencia Nacional e o xuízo das persoas procesadas por un tribunal territorial ordinario.
4. A desactivación da lexislación de excepción impropia dun Estado democrático, co fin de evitar o uso sistemático da prisión preventiva, do 1º grao penal, máis do réxime FIES.
5. O traslado dos presos e presas políticas galegas a un centro penal situado na Galiza, rematando deste xeito coa medida ilegal da dispersión e evitando o seu desarraigo social e cultural.
6. Unhas condicións de vida dignas e humanitarias dentro das prisións.

Por todo isto, desde a Asociación Que voltem para a casa! EMPLAZAMOS á sociedade galega en xeral, ás súas institucións públicas, aos seus e ás súas representantes electas e ás diferentes organizacións políticas, sociais, culturais, sindicais, humanitarias, profesionais, etc. a pronunciarse de maneira clara e inequívoca en contra da política penal aplicada aos presos e ás presas polític@s galeg@s e a reclamar o fin da dispersión e o respecto dos dereitos humanos dos que son suxeitos estas e estes cidadáns galegos.
Para concluír, FACEMOS UN CHAMAMENTO a todo o pobo galego a incrementar as mostras de solidariedade coas persoas presas e as súas familias, apoiar todas aquelas iniciativas orientadas a mellorar as súas condicións de vida, esixir a fin da política de dispersión e reclamar o respecto escrupuloso de todos e cada un dos seus dereitos fundamentais.

ENTRE TODOS E ENTRE TODAS ÍMOLO CONSEGUIR: QUE VOLTEM PARA A CASA!
Na Galiza, 20 de xullo de 2013